A BORDO DE BARCO SIN LUCES é unha esculca fonda e polo miúdo no mundo poético de Pimentel; o estudio percorre o roteiro vital do poeta, a súa obra cerna, e pousa no ancoradoiro dese libro póstumo que é testemuña do ánimo a facer pimentelianos. Lembremos: no ano 1960, logo dunha chea de intentos para o publicar en vida do autor, hase edita-lo seu libro sobranceiro no idioma de Castela, Barco sin luces, onde a súa experiencia de médico de garda abrolla nunha poesía que nos achega ó mundo daquel simbolista francés chamado Laforgue, tamén un poeta da provincia. A relación de Pimentel coa súa cidade de nacencia, Lugo, hase transformar no seu material poético e no eixo dunha vida acochada nun universo claustrofóbico asemade refuxio e torre de almasí do poeta e do home. Pimentel é o arquetipo do profesional liberal ilustrado, de a cabalo entre o humanismo estoico e o escepticismo atormentado; é un burgués que arrastran na súa figura esguía a estética do íntimo. O poeta de Lugo foi o que popularizou aqueles versos do seu poema A Rosalía; «Non convén chorar máis./Ela chorou por todfos e pra sempre.» Cómpre lembrar, tamén, que Pimentel escribiu un poema titulado «Sala de cirurxía»; estaba afeito a leirar decote coa anguria e coa morte. Luz Pozo vólvenos este home que se nos estaba a esborrallar envolveito en panos de seda e lirismos decimonónicos, en diante poderemos apalpa-la caste poética, o espírito, murado coma a cidade, do poeta lugués.