Sara, unha moza de dezaseis anos, narra de forma apaixonada os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. No cuarto que ocupa sentirá o inquietante desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apertada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra. Noite de voraces sombras, a nova novela de Agustín Fernández Paz, aborda un tema que hoxe está en primeiro plano, como é a recuperación das vidas e dos ideais que quedaron rotos trala guerra civil e a posguerra, así como a necesidade de que as novas xeracións descubran esa realidade, porque non se poderá construír nada auténtico sobre a desmemoria.