No «Luzada», a cafetería de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas de 2005 no metro. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño...
Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2009 | Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2009 | Premio The White Ravens, 2010