O libro do que termas, é un libro aparentemente atípico. A súa intención é revelar, mostrando unha galería de artefactos da imaxinación creadora, a visión da Xustiza nos galegos de hogano. Xustiza (con Xe ou Xis maiúsculo): a Xustiza non é a xustiza. Tal como a entendemos hoxe, a xustiza é un conxunto de institucións do estado e de principios e prácticas legais que serven para facer efectivo un ideal de xustiza. Tódolos homes teñen un ideal de xustiza. Tódolos seres civilizados coñecen a existencia dunha Xustiza. Endebén, calquera cidadán coñece a distancia que vai de unha a outra, ata tal punto que as inxustizas da Xustiza son tema tópico no noso repertorio sociolóxico e mesmo na nosa tradición cultural. As páxinas deste libro, ó tempo que pretenden divertirnos, ilústrannos precisamente sobre a impresión e o concepto que témo-los galegos da Xustiza contrastada coa súa finalidade última, a xustiza.