Galegos no golfo de México ; Castelao en Cuba ; Guerrilleiros
Con este volume volvemos novamente a Cuba da man dun dos mellores e máis prolíficos cronistas galegos da vida na illa: Xosé Neira Vilas, que nos abandonou cando xa o traballo estaba bastante avanzado. Temos aquí a segunda parte dun proxecto que estivo sempre na súa mente e que permite reconstruír a cultura galega vivida desde Cuba. Este volume reúne tres obras, que contribúen a completar un panorama contextual que iniciamos con Galicia en Cuba. Galegos no Golfo de México descibre a comunidade de pescadores galegos das Mariñas asentados na Habana durante tres décadas do século XX. Homes que emigraron de adolescentes, fixeron historia galega no Golfo e acabaron por converterse en mestres das novas xeracións de cubanos que emerxeron en paralelo a unha industria pesqueira nacida tras a revolución. Castelao en Cuba documenta con gran detalle a presenza das dúas viaxes que Castelao fixo á illa de Cuba: a primeira, entre 1938 e 1939, como representante do goberno da República española, e a segunda, en 1945, como recalada tras a súa participación na xuntanza das Cortes da República española que tivo lugar en México. Guerrilleiros ofrécenos aspectos descoñecidos da guerrilla galega antifranquista, personalizada en Francisco Rey (Moncho), Sindo Seixido, María Araúxo e Xosé Gómez Gayoso, dos que recolle entrevistas, cartas, testemuños e un amplo material gráfico. Con esta segunda entrega de Galicia en Cuba contribuímos a reforzar, unha vez máis, unha liña de traballo constante do Consello da Cultura Galega, que é a de documentar a influencia da emigración e de Cuba na configuración da cultura galega contemporánea.