Decembro de 1950. Comenzaba a anoitecer en Abades cando arrincou a camioneta que levaba presas a todas as mulleres da aldea. Decontado Robertiño subiu á serra da Corza para lles comunicar aos fuxidos semellante aldraxe, asegurándolles que a Garda Civil dixera que as fusilarían a todas se non lles dicían onde eles se agachaban. Aqueles catro homes, entre os que se atopaba o pai e un tío do rapaz, eran os minguados restos do que foran antes do descabezamento da guerrilla antifranquista galega. Levaban catorce anos vagando polos montes para evitaren ser abatidos polos falanxistas e demais forzas represoras do réxime, como a tantos outros lles ocorrera. Unha historia dramática e violenta (como dramáticos e violentos foron aqueles tempos) na que se narra o heroísmo e tráxico final dos últimos fuxidos. A novela ten moito que ver co universo literario creado polo autor en Agosto do 36, Premio Xerais 1991, que acadou un gran éxito.