A historia destaca pola tenrura e pola orixinalidade da proposta plástica, en perfecta harmonía cun texto a base de frases simples e descritivas. Dúas pequenas cores fúndense nun abrazo sen decatarse de que se converten nunha nova cor, o que fai que ninguén as recoñeza. As bágoas fanlles recuperar a súa forma orixinal, un descubrimento que celebran e comparten con todos os seus amigos. É así como, a partir de entón, xogarán a crear novas gamas cromáticas.
Baixo a aparente naturalidade deste relato subxace unha historia que enxalza a amizade, a inocencia, a identidade individual e colectiva; á vez que os primeiros lectores reciben unha lección artística sobre cores, tamaños e direccións. Aplicada a estes tempos, Leo Lionni transmite que non importan as diferenzas entre as persoas cando o relevante é a solidariedade, a comprensión e a convivencia.