Comezando mesmo por introduci-la terminoloxía correspondente, trázase aquí a primeira historia da prensa literaria en Galicia. Mais non illadamente; enmarcada nunha documentadísima panorámica da prensa literaria española, que tamén se aborda aquí por primeira vez. Visión de conxunto, baseada no estudio pormenorizado de cada unha das numerosas publicacións estudiadas. E velaquí un ensaio de literatura comparada, que fai pé nas relacións entre as literaturas galega, castelá, catalana, vasca, portuguesa, hispanoamericana e francesa. Neste primeiro volume faise o estudio dunhas cincuenta publicacións periódicas, dende o Semanario político, histórico y literario, que nace en 1809, ata a revista Nós, que vai de 1920 a 1936. ¿E a quen non lle soan -poñamos por caso- O tío Marcos da Portela, La ilustración de Galicia y Asturias, A nosa Terra, La Centuria ou Vida Gallega, para traermos a conto exemplos ben diferentes? Mais, ¡quen coñece realmente en que circunstancias concretas se desenvolveron estas e, sobre todo, cal foi a súa incidencia na configuración da literatura producida durante o século XIX e primeiro tercio do XX?