Xulio Capelas, famoso cantautor, desaparece nas augas da Ría de Vigo despois de caer á mar dende a borda do seu iate "SIRENO". Xulia Veiga, amante de Xulio Capelas, consegue comprometer ao Dr. Lázaro Evia na pescuda sobre a desaparición do seu amado. O Dr. Lázaro Evia necesita e consegue (coma sempre) a axuda do seu compañeiro e amigo, o polifacético (aínda que me estea mal dicilo) Avelino Avilleira. A madeixa da investigación vai ser desenrolada entrámbolos dous, fío a fío, ata chegar á verdade final dos feitos. Unha manchea de personaxes de toda caste danzan arredor dunha fogueira de intereses creados, paixóns, deslealdades, amores, xenreiras, inxenuidades...Todos eles tratados co agarimo propio de quen chegou a coñecelos persoalmente. O autor tingue os descarnados feitos coa frescura da ironía que lle é propia a tódolos compoñentes da súa dilatada familia de escritores. Deste xeito o asunto resulta, para o lector, levián e doce. Cónstame que se cinguiu fielmente á realidade, pois a historia foi tirada das notas do propio Dr. Lázaro Evia (por algo foi seu fillo) cando atopou unha caixa chea de cadernos onde o médico-detective recollía a maioría das súas apaixonantes investigacións. E o afirmo eu, que son o outro compoñente do "famoso dúo de detectives" (aínda que estea mal dicilo).Avelino Avilleira